quinta-feira, 12 de novembro de 2009

sexta-feira, 3 de abril de 2009

Porqué azul?

Ía na procura dun chisco de aventura no senso de coñecer outras terras e outra xente; mais hei recoñecer que levaba dúbidas e incluso medo do que me podería pasar, e máis que nada de que ía pintar eu por alá e como habería relacionarme cunha xente tan diferente na maneira de pensar (coidaba eu) e foi impresionante.

Non me roubaron a alma como se mofaba Isa a de Alcalá o outro día, senón que me deron o corazón, que é o que ven querer decir o saúdo bereber "az-ul". A primeira semana que foi co grupo foi moi boa e cáseque unha imprescindíbel adaptación e para perder "os medos". As outras dúas semanas foron unha marabilla. Foi mergullarse nunha calidade humana, a riqueza no trato da que xa falaba, a maneira de pensar, os xantares, ...un xeito de vida que che deixa pegada. Problemas hainos tamén e gordos (tamén aquí).

Penso que unha chave que explica por que nos entra polo ollo o rural marroquí é que no fondo permítenos experimentar o que foi o noso modo de vida de aldea de hai 30, 40 ou máis anos (sen as consecuencias da guerra civil e co engadido do sol). Dámonos conta de que a nosa sociedade avanzou en moito máis perdimos moito tamén, e iso dóenos. Un pais no que o 75% da populación ten menos de 35 anos nótase, e pegase esa vitalidade. O campo ten moita vida, as leiras están a labor, e por onda vaias hai xente a traballar a terra, xente con gando, indo ás feiras, moendo grao, ou cando toda simplemente sentados nun outeriro vendo pasar o bule bule da vida.

Hai camiños e carreiros para andar, de todas partes a todas partes, e con xente a usalos a calquera hora do día, un grupo de homes con sachos, un neno en burro á escola, un grupo de mulleres con mollos de verduras para vender... Sempre un pausado e protocolario saúdo que leva a un intre de conversa, son expertos; cando non teimudo convite para o té, ven xantar, durmes aquí, trae a túa familia e amizades...

segunda-feira, 9 de março de 2009

As auténticas babuchas de Tafraout

Van alá xa unhas semanas e aquí estou, de volta en Compostela, sentado diante do computador coas miñas babuchas de Tafraout.

O cheiro a coiro de cabra non me parecía mal alí; e aquí xa me afixen e póñoas con moito agarimo. Traenme ao maxín moitas boas lembranzas: o acougo dos riads de Marrakech fronte a ensarillada medina, o té doce á menta na kasbah dun gobernador árabe e os seus irmáns no Atlas, durmir nas haimas do Sahara cos tuareg, quecer os pes despois das camiñadas pola neve nos montes de cedros de Azrou, a caloriña bérber dos Taghda na súa Kasbah Itran no val das Rosas... e tamén a chegada -todo fachendoso- con elas postas ao aeroporto da Lavacolla.

Foron un signo de identidade e de integración. Alá por onde estaba preguntábanme con interese '-Les babuches?', '-de Tafraout.' dicía eu, e a seguir a conversa do cosido á mán, das solas de pneumático, canto che costaron, as cores (amarelas para os homes, vermellas para as mulleres) ... había quen mas collía para ollalas polo miudo ...e confirmar '-Zuíin' (Boas).

No corazón bereber do Anti Atlas, na "casa tradicional" da aldea de Oumesnat -a carón de Tafraout- acollíanos Mohamed e Rachid, dous irmáns orgullosos da súa terra e da súa cultura. Estabamos os vinte e tantos do grupo de fotografía de Biodiversidade Virtual a voltas co noso roteiro naturalista polo sur de Marrocos e moramos alí dúas noites. Cóstame describir a calidade que teñen no trato humano, se cadra unha mestura de agarimo, acougo, ledicia, sinceridade... que sei eu? o caso é que estabamos abraiados coa casa, na casa, cos paseos pola ribeira de palmeiras, coa súa música, co xantar, coa conversa ...con todo.

Viñamos de Sidi Ifni e xa experimentaramos ese especial trato, se cadra pensamos que era cousa da particular relación daquel lugar con España, o idioma e esas cousas... Día a día, despois de Mohamed e Rachid en Oumesnat e outros encontros, fumos acreditando -e sobretodo eu que fiquei alí dúas semanas máis- que a xente alí é así.