sexta-feira, 3 de abril de 2009

Porqué azul?

Ía na procura dun chisco de aventura no senso de coñecer outras terras e outra xente; mais hei recoñecer que levaba dúbidas e incluso medo do que me podería pasar, e máis que nada de que ía pintar eu por alá e como habería relacionarme cunha xente tan diferente na maneira de pensar (coidaba eu) e foi impresionante.

Non me roubaron a alma como se mofaba Isa a de Alcalá o outro día, senón que me deron o corazón, que é o que ven querer decir o saúdo bereber "az-ul". A primeira semana que foi co grupo foi moi boa e cáseque unha imprescindíbel adaptación e para perder "os medos". As outras dúas semanas foron unha marabilla. Foi mergullarse nunha calidade humana, a riqueza no trato da que xa falaba, a maneira de pensar, os xantares, ...un xeito de vida que che deixa pegada. Problemas hainos tamén e gordos (tamén aquí).

Penso que unha chave que explica por que nos entra polo ollo o rural marroquí é que no fondo permítenos experimentar o que foi o noso modo de vida de aldea de hai 30, 40 ou máis anos (sen as consecuencias da guerra civil e co engadido do sol). Dámonos conta de que a nosa sociedade avanzou en moito máis perdimos moito tamén, e iso dóenos. Un pais no que o 75% da populación ten menos de 35 anos nótase, e pegase esa vitalidade. O campo ten moita vida, as leiras están a labor, e por onda vaias hai xente a traballar a terra, xente con gando, indo ás feiras, moendo grao, ou cando toda simplemente sentados nun outeriro vendo pasar o bule bule da vida.

Hai camiños e carreiros para andar, de todas partes a todas partes, e con xente a usalos a calquera hora do día, un grupo de homes con sachos, un neno en burro á escola, un grupo de mulleres con mollos de verduras para vender... Sempre un pausado e protocolario saúdo que leva a un intre de conversa, son expertos; cando non teimudo convite para o té, ven xantar, durmes aquí, trae a túa familia e amizades...

Sem comentários:

Enviar um comentário